Semicondutor

O cristal de silicio é o material semicondutor máis usado na microelectrónica.

Un semicondutor é un material con condutividade eléctrica de magnitude intermedia entre a dun condutor e a dun illante, isto é, aproximadamente entre 103 e 10−8 siemens por centímetro. Os materiais semicondutores son a base da electrónica moderna, sendo empregados en transistores, células solares, moitas clases de díodos (incluíndo o díodo emisor de luz (LED), o rectificador controlado de silicio e o fotodíodo) e circuítos integrados dixitais e analóxicos. Os paneis solares fotovoltaicos semicondutores converten directamente a enerxía lumínica en electricidade. Nun condutor metálico a corrente é transportada polo fluxo de electróns.

Os materiais semicondutores máis comúns son chips sólidos cristalinos, pero tamén se coñecen semicondutores líquidos ou amorfos entre os que se inclúen o silicio amorfo hidroxenado ou mesturas de arsénico, selenio e telurio en diversas proporcións. Tales compostos comparten cos semicondutores máis coñecidos a condutividade intermedia e unha rápida variación da condutividade en función da temperatura, así coma a resistencia negativa ocasional. Tales materiais desordenados carecen da estrutura cristalina dos semicondutores convencionais tales coma o silicio e adoitan empregarse en estruturas de finas películas, que son menos esixentes no concernente ás cualidades electrónicas dos materiais e, polo tanto, relativamente insensibles ás impurezas e ao dano provocado pola radiación. Tamén se coñecen semicondutores orgánicos, ou sexa, materiais orgánicos con propiedades que remedan as dos semicondutores convencionais.

O silicio é o material máis empregado para a fabricación comercial de semicondutores. Empréganse moitos outros materiais coma o xermanio, o arseniuro de galio e o carburo de silicio. A un semicondutor puro chámaselle frecuentemente semicondutor “intrínseco”. As propiedades electrónicas e a condutividade dun semicondutor pódense modificar controladamente engadindo cantidades moi pequenas doutros elementos, chamados “dopantes”, ao material intrínseco. No silicio cristalino, isto adóitase acadar engadindo impurezas de boro ou fósforo ao fundido e deixándoo solidificar no cristal. Este proceso é coñecido coma "dopado" e o semicondutor resultante denomínase "extrínseco".


Semicondutor

Dodaje.pl - Ogłoszenia lokalne