As algas[1], olgas[2] ou oucas[3], comprenden varios grupos de seres vivos acuáticos e autotróficos, ou sexa, que producen a enerxía necesaria para o seu metabolismo a través da fotosíntese. A maior parte das especies de algas son unicelulares e, mesmo as máis complexas – algunhas con tecidos diferenciados – non posúen verdadeiras raíces, caules ou follas.
Aínda que foron durante moito tempo consideradas como plantas, só as algas verdes teñen unha relación evolutiva coas plantas "superiores"; os restantes grupos de algas representan liñas independentes de desenvolvemento evolutivo, paralelo ás que levaron ás plantas superiores.
A disciplina da bioloxía que estuda as algas é a ficoloxía ou algoloxía, tradicionalmente unha especialización da botánica.