Os afixos son partículas que se antepoñen (prefixos) ou pospoñen (sufixos) aos elementos básicos das palabras para modificar o seu significado, ben gramatical (afixos flexivos), ben léxico (afixos derivativos). Estes permítennos aumentar o número de palabras cun esforzo mínimo.
Algúns autores reservan o termo afixo para os morfemas derivativos e utilizan o termo desinencia para referirse a tódolos morfemas flexivos.
Os afixos son morfemas que se usan no proceso de derivación para formar novas palabras a partir doutras primitivas e así arriquecer unha familia léxica concreta. Engádense sempre ao lexema ou raíz.