Our website is made possible by displaying online advertisements to our visitors.
Please consider supporting us by disabling your ad blocker.

Responsive image


Interferencia de ARN

Esquema da introdución por un lentivirus dun shRNA (small hairpin RNA) deseñado e o mecanismo da interferencia de ARN en células de mamíferos.

A interferencia de ARN ou interferencia por ARN ou ribointerferencia, abreviada como RNAi (do inglés RNA interference), é un sistema celular que intervén no control da inactivación dos xenes e do seu grao de expresión, que é realizado por certos tipos de ARN, chamados ARN interferentes. Por tanto, cómpre distinguir entre:

  • Interferencia de ARN (ou RNAi, RNA interference). É o proceso biolóxico antes mencionado.
  • ARN interferentes (ou iRNA, interferring RNA). Son certos tipos de ARN encargados de realizar ese proceso biolóxico.

Historicamente a interferencia de ARN foi coñecida tamén con outros nomes, como cosupresión, silenciamento de xenes postranscricional (PTGS), e quelling.

Hai dous tipos de moléculas de ARN pequenas, o microARN (miRNA) e o ARN interferente pequeno (siRNA), que son básicos na interferencia de ARN. Outro tipo de ARN interferente é o piRNA (asociado ás proteínas piwi). Os ARN son un produto directo da transcrición de xenes, e estes pequenos ARN poden unirse a outros ARN específicos (ARNm) facendo que aumenten ou diminúan a súa actividade; por exemplo impedindo que o ARNm sexa traducido a proteínas. A interferencia de ARN ten un importante papel na defensa das células contra xenes parasitos, como virus e transposóns, pero tamén dirixen o desenvolvemento celular e a expresión xenética en xeral.

A vía da interferencia de ARN (RNAi) está presente nos animais e en moitos eucariotas e iníciase polo encima Dicer, que corta os ARN de dobre cadea (dsRNA, double stranded RNA) longos en fragmentos máis curtos de ~20 nucleótidos que se chaman siRNA. Cada siRNA sepárase en dúas cadeas de ARN monocatenarias (ssRNA, single stranded RNA), que se denominan a fibra pasaxeira e a fibra guía. A fibra pasaxeira será degradada, e a fibra guía será incorporada no chamado complexo silenciador inducido por ARN (RISC, RNA-induced silencing complex). O fenómeno de interferencia mellor estudado é o silenciamento de xenes postranscricional, que ocorre cando a fibra guía se une por apareamento de bases cunha secuencia complementaria dunha molécula de ARN mensaxeiro e induce o seu corte pola Argonauta, o compoñente catalítico do complexo RISC. Este proceso sábese que se propaga sistemicamente a través do organismo a pesar da limitada concentración molar inicial do siRNA.

O efecto selectivo e potente da interferencia de ARN (RNAi) sobre a expresión xénica fai deste proceso unha ferramenta valiosa para a investigación tanto en cultivos celulares coma nos organismos vivos, porque os ARN de dobre cadea introducidos nas células poden inducir a supresión dos xenes específicos que interesen. A interferencia (RNAi) pode tamén utilizarse en exames a grande escala que bloqueen sistematicamente a expresión de cada xene dunha célula, o cal pode axudar a identificar os compoñentes que se precisan para cada proceso celular ou para procesos complexos como a división celular. O aproveitamento desta vía é tamén unha ferramenta moi prometedora en biotecnoloxía e medicina.

Historicamente, a interferencia de ARN era coñecida por outros nomes, como cosupresión, silenciamento de xenes postranscricional, e sufocamento (quelling). Só despois de que se comprendesen ben estes procesos aparentemente non relacionados quedou claro que todos eles describían o mesmo fenómeno, a interferencia de ARN (RNAi). En 2006, Andrew Fire e Craig C. Mello compartiron o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía polos seus traballos publicados en 1998 sobre a interferencia de ARN no verme nematodo Caenorhabditis elegans [1][2].

  1. Daneholt, Bertil. "Advanced Information: RNA interference". The Nobel Prize in Physiology or Medicine 2006. Consultado o 2007-01-25. 
  2. Fire A, Xu S, Montgomery M, Kostas S, Driver S, Mello C (1998). "Potent and specific genetic interference by double-stranded RNA in Caenorhabditis elegans". Nature 391 (6669): 806–11. Bibcode:1998Natur.391..806F. PMID 9486653. doi:10.1038/35888. 

Previous Page Next Page








Responsive image

Responsive image