A Game Boy Advance (en xaponés: ゲームボーイアドバンス, Gēmu Bōi Adobansu), frecuentemente abreviada como GBA, é unha consola de videoxogos portátil da compañía xaponesa Nintendo que foi fabricada entre marzo de 2001 e 2010. É a sucesora da Game Boy Color, sendo compatíbel con esta e as súas predecesoras. A GBA forma parte da sexta xeración de consolas de videoxogos.
Ao longo da súa vida comercial, a Advance recibiu dous redeseños; o primeiro fíxose en 2003, ano en que se lanzou a Advance SP, e o segundo en 2005, ano de lanzamento do derradeiro modelo de Game Boy, a Micro.
Até xuño de 2010, foran vendidas uns 81,51 millóns de unidades da serie Game Boy Advance en todo o mundo.[1] A súa sucesora, a Nintendo DS, lanzouse en novembro de 2004 e é compatíbel con versións anteriores do software de Game Boy Advance.