جُمهورِيّةُ مِصرَ العَرَبيّةِ (ar) مصر (ar) Arab Republic of Egypt (en) Egypt (en) Republik Arab Mesir (ms) Mesir (ms) | |||||
Himno | Bilady, Bilady, Bilady | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «مصر أمّ الدنيا» | ||||
Epónimo | Ptah e Mizraim (pt) | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | O Cairo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 94.798.827 (2017) (93,82 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua árabe | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 1.010.407,87 km² | ||||
Bañado por | Mar Mediterráneo, Nilo e Mar Vermello | ||||
Punto máis alto | Jabal Katrina (2.629 m) | ||||
Punto máis baixo | Depressão de Qattara (pt) (−133 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 28 de febreiro de 1922: Reino de Exipto | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
• Presidente | Abdel Fatah al-Sisi (2014–) | ||||
Órgano executivo | Cabinet of Egypt (en) | ||||
• Primeiro ministro | Mustafa Madbuli (2018–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento do Egito (pt) , (Escano: 596) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supreme Constitutional Court of Egypt (en) | ||||
Membro de | Organización Mundial da Saúde União Postal Universal (pt) (1875–) Unión Internacional de Telecomunicacións (1876–) ../... 26+ | ||||
PIB nominal | 424.671.765.456 $ (2021) | ||||
Moeda | Libra exipcia | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .eg e .مصر (mul) | ||||
Prefixo telefónico | +20 | ||||
Teléfono de emerxencia | 122, 123 e 180 (pt) | ||||
Código de país | EG | ||||
Exipto[1][2][3] (en árabe: مصر, Miṣr; en árabe exipcio: مَصر Maṣr; en copto: Ⲭⲏⲙⲓ Khēmi), oficialmente República Árabe de Exipto (en árabe: جمهورية مصر العربية, Ǧumhūriyyat Miṣr al-ʿArabiyyah), é un estado situado no nordeste de África e na península do Sinaí no continente de Asia. Limita ó norte co mar Mediterráneo e Israel, ó leste co Mar Vermello (incluído o seu saínte norte do Golfo de Acaba), ó sur co Sudán e ó oeste con Libia. A súa xeografía é desértica na case totalidade, que corresponde co deserto do Sáhara, onde só está habitado en oasis. A súa capital é a cidade do Cairo, unha das máis poboadas de África.
Exipto ten unha das historias máis antigas entre os países do mundo, cuxa orixe se remonta ós milenios VI e IV a.C. Considerada un berce da civilización, o Antigo Exipto experimentou algunhas das máis antigas formas de escrita, agricultura, urbanización, relixión organizada e goberno central.[4] Monumentos icónicos como as pirámides de Gizeh e a súa Grande Esfinxe, así como as ruínas de Menfis, Tebas, Karnak e o Val dos Reis, reflicten este legado e manteñen un significativo foco de interese científico e popular. A gran e rica herdanza cultural de Exipto é unha parte integral da súa identidade nacional, que padeceu, e ás veces asimilou, varias influencias estranxeiras, como os gregos, persas, romanos, árabes, turcos otománs e nubios. Exipto foi un importante e temperán centro do cristianismo, mais foi amplamente islamizado no século VII e mantense como un país amplamente musulmán aínda que cunha significativa minoría cristiá.
Dende o século XVI até comezos do XX, Exipto foi gobernado por potencias coloniais estranxeiras, o Imperio Otomán e o Imperio Británico. O Exipto moderno data do ano 1922, cando conseguiu a súa independencia do Imperio Británico como unha monarquía. Porén, a ocupación militar británica continuou, co cal moitos exipcios creron que a monarquía era un instrumento do colonialismo británico. Despois da revolución de 1952, Exipto expulsou os soldados e burócratas británicos e rematou coa ocupación, nacionalizou o Canal de Suez, exiliou o rei Farouk e a súa familia, e declarou a república. En 1958, uniuse con Siria para formar a República Árabe Unida, que se disvolveu en 1961. Ó longo da segunda metade do século XX, Exipto sufriu conflitos sociais, relixiosos e inestabilidade política, loitando en varios enfrontamentos armados con Israel en 1948, 1956, 1967 e 1973, e ocupando a Franxa de Gaza de xeito intermitente até 1967. En 1978, Exipto asinou os Acordos de Camp David, retirándose oficialmente da Franxa de Gaza e recoñecendo o estado de Israel. O país segue afrontando retos, como a inestabilidade política, incluíndo a recente revolución de 2011 e as súas consecuencias, o terrorismo e o subdesenvolvemento económico. O goberno actual de Exipto é unha república presidencial liderada polo presidente Abdul Fatah al-Sisi, que foi descrito por numerosos observadores como autoritario.
O islam é a relixión oficial de Exipto e o árabe é a súa lingua oficial.[5] Con máis de 95 millóns de habitantes, Exipto é o país máis poboado do Norte de África, de Oriente Medio e do Mundo árabe, sendo o terceiro máis poboado de África (despois de Nixeria e Etiopía), e o décimo quinto do mundo. A gran maioría da poboación vive preto das beiras do río Nilo, nunha área de 40 000 km² onde se atopa a única terra arable. As grandes rexións do deserto do Sáhara, que constitúen a maioría do territorio exipcio, están escasamente poboadas. Arredor da metade dos cidadáns exipcios habitan en áreas urbanas, especialmente nos centros densamente poboados do Cairo, Alexandría e outras grandes cidades do delta do Nilo.
O estado soberano de Exipto é un país transcontinental considerado como unha potencia rexional no Norte de África, no Oriente Medio e no Mundo árabe, así como unha potencia intermedia no contexto mundial.[6] A economía de Exipto é unha das meirades e das máis diversificadas de Oriente Medio, e crese que será unha das maiores do mundo ó longo do século XXI. En 2016, Exipto superou a Suráfrica e converteuse na segunda maior economía de África (despois de Nixeria).[7][8] Exipto é membro fundador das Nacións Unidas, do Movemento de Países Non Aliñados, da Liga Árabe, da Unión Africana e da Organización para a Cooperación Islámica.