O Estado Libre de Prusia (en alemán: Freistaat Preußen) foi un estado alemán formado despois da abolición do reino de Prusia como consecuencia da derrota do imperio alemán na primeira guerra mundial. Para formar o seu nome preferiuse a utilización do nome patrimonial alemán Freistaat ("Estado Libre"), que equivale aproximadamente a Republik ("República"), porque este último recordaba á cultura latina, que era asociada con Francia pola maioría dos alemáns (e a súa maior inimiga naquela época).
Foi o maior Land do Estado alemán durante a República de Weimar, xa que comprendía case cinco oitavos do seu territorio (o 62,5 %) e gran parte da súa poboación (o 61,3 %).[1] Dado que tiña tanto territorio e poboación, o novo goberno pensou, nun principio, dividir Prusia en varios Länder (estados) máis pequenos e manexábeis, pero o sentimento tradicionalista dos prusianos prevaleceu e Prusia seguiu inalterada (quitando as perdas territoriais).
O democrático Estado Libre de Prusia colapsou cando sucedeu o chamado Preußenschlag (golpe de estado de Prusia) de 1932–1933 e o ministro-presidente Otto Braun foi forzado a renunciar ao seu cargo. O seu goberno acudiu aos tribunais por esta destitución irregular, pero tras as eleccións de 1933 o réxime nazi tomou o control do goberno prusiano.
Desde 1933, o Estado Libre foi privado da democracia parlamentaria e gobernado exclusivamente baixo o liderado do Partido Nacional-Socialista Obreiro Alemán (partido nazi). Inicialmente, Prusia foi administrada polo alto cargo nazi Hermann Göring, que foi nomeado ministro-presidente de Prusia. En 1935, o territorio do Estado Libre foi desmantelado en Reichsgaue,[2] A algunhas delas se lles incorporou territorios prusianos e non prusianos, acabando así con eficacia con Prusia como unha soa unidade territorial de Alemaña. Aínda que o Estado Libre de Prusia continuou existindo nominalmente baixo o mandato de Hermann Göring, en 1935 o goberno prusiano foi realmente absorbido polo goberno do Reich alemán, e a posición de Göring como ministro-presidente foi relegada a un papel simbólico en comparación cos labores máis prominentes que desempeñaba no goberno do Terceiro Reich.
Despois do final da segunda guerra mundial Otto Braun achegouse a mandos militares estadounidenses para solicitar o restablecemento do goberno prusiano legal. Pero estes, e as demais forzas aliadas, que ocuparan toda Alemaña, opuxéronse á idea e declararon suprimida a Prusia en 1947.
<ref>
non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome B