Os billetes de euro, o papel moeda da Eurozona con valores faciais en euros, atópanse en circulación desde 2002, data en que se emitiu a primeira serie. Os bancos centrais nacionais dos países da Eurozona e o Banco Central Europeo están facultados para os emitir, aínda que na práctica soamente os primeiros o fan fisicamente.[1][2]
As denominacións dos billetes son sete: 5 EUR, 10 EUR, 20 EUR, 50 EUR, 100 EUR, 200 EUR e 500 EUR. De xeito diferente ás moedas metálicas, que teñen un anverso común e reversos propios de cada Estado, o deseño dos billetes é idéntico en toda a Eurozona, aínda que se imprimen en varios dos países que a compoñen.[3]
Os billetes de euro están fabricados a partir de fibra de algodón puro, o que mellora a súa durabilidade e lles confire un tacto característico.[4] O máis pequeno (5 EUR) mide 120 mm x 62 mm e o máis grande (500 EUR) 160 x 82 mm, e presentan varias combinacións de cores. Estes billetes inclúen numerosas e complexas medidas de seguridade tales como marcas de auga, tintas invisibles, hologramas e microimpresións que avalan a súa autenticidade.[5]
Segundo as estimacións do Banco Central Europeo (BCE), en agosto de 2018, había un total 21.737 millóns de billetes en circulación por toda a Eurozona, cun valor total de 1,193 billóns de euros.[6] O 8 de novembro de 2012, o BCE anunciou que a primeira serie de billetes (coñecida como "Épocas e estilos de Europa") sería substituída por unha nova serie ("Europa"), nun proceso progresivo que comezou co cambio billete de cinco euros o 2 de maio de 2013.[7]